EL TREN EN LA MEMORIA

Dª. Mª Xosé Vega Buján

 

Dª. Mª Xosé Vega Buján

Cales son os seus primeiros recordos do tren?
Están na miña infancia en Monforte. A miña familia non foi ferroviaria pero o tren pasaba pola parte de atrás da finca onde estaba a miña casa. Había un paso a nivel cerca e un pouco máis alá vivían varias familias que traballaban na Renfe. A estación estaba a 1 km da casa pero o son do tren acompañoume durante moitos anos.


Resúltanlle gratos eses recordos? Por algunha razón en particular?
Si. Algunhas das familias veciñas traballaban na Renfe e abasteceron a miña infancia de chocolate do economato que utilizaban as familias ferroviarias. Moitas das miñas merendas eran o pan con chocolate do economato de Renfe que lle regalaban á miña nai para os meus irmáns e para min.


Recorda a súa primeira viaxe en tren?
Teño recordos de moitas viaxes da infancia, dende algún no tren de vía estreita no País Vasco ata no Ferrobús, o Expreso e tamén o TER. Lembro os olores, os departamentos, os revisores, os tapizados, as noites no Expreso a Madrid de 1ª e 2ª, as conversas entre viaxeiros, os convites a comida que se ofrecían...


Utilizou ou utiliza o tren como medio de transporte?
Utiliceino na miña mocidade posto que antes non tiñamos coche ata que empezabamos a traballar. O tren foi o medio básico de transporte cando era estudante na universidade ou realizaba algún traxecto de ocio.
Este último verano viaxei en tren ata Valencia, ida e volta, en familia. Quería que as miñas fillas vivisen unha experiencia de viaxe longa e durmir no tren, como as da miña infancia, que moitos nenos de hoxe en día non coñecen.

Que pensa da evolución deste modo de transporte?
Nos anos oitenta e parte dos noventa houbo unha aposta decidida polas estradas, tanto para o transporte de mercancías como para o de viaxeiros, ante a pasividade dos propios xestores de Renfe e cos conseguintes danos colaterais: medio ambientais, culturais e compromisos económicos a longo prazo.

Pensa vostede que o ferrocarril foi un elemento importante para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia?
Hai 125 anos supuxo unha conexión coa meseta para abrir mercados e tamén unha apertura a novas culturas. O seu posterior abandono provocou que cidades como Monforte vivisen a primeira reconversión económica silenciada e sen ser declarada ZUR, como no caso das reconversións navais ou mineiras.

Como ve vostede o futuro do ferrocarril galego?
Ata agora houbo pouco interese polo ferrocarril galego pero confío en que o actual Ministro de Fomento, o señor Blanco, como lucense en exercicio, sexa quen de non defraudar as expectativas que aínda conservamos.


El tren en la memoria